Tuesday 16 de April de 2024

O alcalde recibiu ao Laracha C.F., campión da 84ª Edición da Copa da Coruña


O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, recibiu no Concello ao primeiro equipo do Laracha C.F. e á directiva da entidade, flamante gañadora da 84ª edición da Copa da Coruña.

O rexedor lembrou a emocionante final vivida no estadio de Riazor o pasado venres no derbi larachés ante o Club do Mar de Caión que non se decidiu ata a quenda dos penaltis.
López Varela destacou a xuventude e o esforzo do plantel larachés durante toda a campaña, e desexoulles un pronto regreso á categoría Preferente, xa que en liga na última xornada confirmaron o descenso a Primeira Autonómica, división na que non militan desde 1992.

O alcalde tamén valorou o traballo que fai o club na base e que ten previsión de reforzar de cara ao próximo ano. Nese sentido, afirmou que “para o Concello é un orgullo cooperar co club cedendo as instalacións de maneira gratuíta e tamén no aspecto económico con subvencións municipais” para potenciar na Laracha a práctica do deporte e os estilos de vida saudables.

O acto concluíu coa entrega por parte do alcalde ao presidente, Juan José Fuentes, dunha figura dun hórreo -símbolos do escudo do Laracha C.F.- cunha gravación que conmemora esta data.

NOTA: Na foto co agasallo do Concello están o alcalde (José Manuel López Varela), a concelleira de Deportes (Patricia Bello) e, por parte do Laracha C.F., o presidente (Juan José Fuentes), adestrador (Alejandro Álvarez) e capitán (Pablo Parafita).